O programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello e o Club Btteiros Cova da Serpe, reuniu a preto de 60 participantes na ‘Ruta de Fin de Ano’, a derradeira do 2024 e tamén da actual temporada.

A saída tivo lugar o pasado domingo, 29 de decembro, e contou cun gran número de participantes que percorreron 20 quilómetros pola contorna da parroquia de Lagostelle.

A ruta empezou ás 10:00 horas desde o Campo da Feira de Guitiriz, mesmo punto onde foi a chegada. A mañá estivo ideal para andar en bicicleta, cunha temperatura agradable para a época do ano e sen precipitacións, polo que os participantes puideron gozar dunha agradable mañá de deporte na que descubriron os camiños da parroquia guitiricense de Lagostelle.

Esta ruta pon o punto e final á actual temporada do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, que neste 2024 contou cun total de oito saídas na que foi a súa sexta edición.