O sábado 2 de abril volverá de xeito presencial a XII Carreira popular ‘Guitiriz Termal’, que terá carácter solidario unha vez máis co obxectivo de recadar fondos para doalos a ‘Somos unidos por el Cáncer’, unha asociación fundada por un grupo de nais e pais con fillos (nenos e adolescentes) enfermos de cáncer e que traballa para axudalos a eles e á súa contorna.
O prazo para anotarse á proba xa está aberto na web oficial https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2052/xii-carreira-popular-concello-de-guitiriz-termal, onde tamén se pode atopar o regulamento e toda a información sobre a carreira. O prazo para participar estará aberto ata o 30 de marzo.
En todas as inscricións de pago (para os menores é gratuíto) doarase 1 euro a ‘Somos unidos por el cáncer’. Ademais, na páxina web habilitouse unha categoría ‘Fila 0’ para que calquera persoa que o desexe, participe ou non na carreira, poida facer o seu donativo á asociación.
A distancia a percorrer será de 5 quilómetros para a carreira en distancia absoluta e de 9 quilómetros para os que fagan a andaina. A partir das 15 horas realizarase a entrega de dorsais no Campo da Feira, onde teñen saída e chegada todas as probas.
A partir das 18 horas comezarán as carreiras das diferentes categorías: ás 18 horas será os biberóns (200 metros), ás 18:05 horas os Sub10 e Sub12 (800 metros), ás 18:15 horas os Sub14 e Sub16 (1.560 metros), ás 18:30 horas a absoluta (5.000 metros) e ás 19:15 horas está prevista a entrega de premios.
A organización habilitará duchas no pavillón municipal e aplicarase o protocolo COVID vixente nese momento.
O concelleiro de Deportes, Iván Morado, explicou que “é un pracer poder retomar esta tradicional carreira popular no seu formato presencial” e insistiu en que “o que a fai máis importante é a súa natureza solidaria, que nos anteriores anos xa nos permitiu facer a nosa pequena aportación a ‘Somos unidos por el Cáncer’.
0 Comments
Leave A Comment