O circuíto do Campo da Feira xa está preparado para acoller este sábado, 4 de maio, o ‘V Slalom Concello de Guitiriz Gran Premio Roteiro da Auga’, organizado conxuntamente coa Escudería Scratch Fene, e que este ano conta con 34 persoas inscritas.

A proba automobilística, de carácter nacional e puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom, foi presentada hoxe no salón de plenos da casa do concello pola tenente de alcaldesa de Guitiriz, Paula Campo, o concelleiro de Deportes, Iván Morado, e Édgar Vigo, do comité organizador.

A competición iniciarase o sábado ás 16:30 horas pero o comezo da proba está previsto para as 8:30 horas, momento no que terán lugar as verificacións técnicas. Posteriormente, terá lugar o tradicional briefing cos pilotos e publicarase a listaxe de admitidos para comezar as dúas mangas de adestramentos a partir das 11:15 horas. O remate da carreira está previsto para as 20:30 horas e a entrega de premios ás 21:15 horas.

Nesta quinta edición do Slalom segue afianzándose o trofeo feminino ‘V Trofeo Feminino Xoldra-Pub Zeus’, dotado con 300 euros de premio e no que participarán 2 pilotas (Mariquiña Chao e Marta Loureiro). Por outra banda, hai 7 inscritos na Copa de Debutantes.

No slalom repartiranse 1.250 euros en premios en total. Ademais, a organización obsequiará aos gañadores de todas as categorías con tortas de millo.

Coas inscricións xa pechadas, hai 34 persoas inscritas. Cabe destacar que participarán pilotos da talla de Rubén Gandoy, Antonio Amor, Dani Mellado ou Nicolás Meizoso.

Paula Campo agradeceu o traballo da escudería e “a comprensión que amosan todos os anos os veciños e veciñas ante as molestias que pode ocasionar o dispositivo de tráfico necesario para organizar este evento”.

Pola súa parte, Iván Morado lembrou que “o noso compromiso polo deporte é firme e isto pode verse en eventos como este, que parecían flor dun ano e xa vamos na quinta edición”.

Por último, Edgar Vigo explicou que “parece que este ano vai ser unha competición diferente xa que pode ser a primeira vez que en Guitiriz a proba se faga en mollado, o que vai provocar moitos momentos de emoción”.

Dispositivo de tráfico

Estará prohibido estacionar desde o venres 3 de maio ás 22 horas ata o sábado 4 de maio ás 22:30 horas nas seguintes rúas: contorna da praza do Campo da Feira, rúa Río Forxá, rúa As Costaneiras, rúa Candea e Paseo Sete Muíños.

O tráfico permanecerá cortado o sábado 4 de maio desde as 8 horas ata as 22:30 horas en: rúa do Mercado, rúa Deputación, Avenida Poeta Díaz Castro (desde o cruce coa rúa Xermade), contorna da praza do Campo da Feira, rúa Río Forxá, rúa As Costaneiras, rúa Candea e Paseo dos Sete Muíños.

Ademais, o acceso a Sesulfe estará habilitado pola rúa Costaneiras e regulado con semáforo.