O Concello de Guitiriz abre este venres, 30 de maio, o prazo para anotarse ao programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.
Esta actividade, que terá como punto de encontro o CEIP Lagostelle principalmente, está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2013 e 2021, é dicir, toda a educación infantil e primaria. Desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto.
A temática escollida para este ano foi ‘Guitiriz entre culturas’. Así, as persoas usuarias do servizo traballarán sobre a multiculturalidade presente no concello, baixo a premisa de facer un Guitiriz máis aberto e amable con outras culturas.
Neste sentido, realizaranse actividades para favorecer a integración das persoas procedentes doutras culturas, coñecendo os seus contextos, os seus orixes e as súas historias. Ademais, e ao igual que en anos anteriores, traballarase para fomentar a educación emocional, a igualdade, a solidariedade e a non competitividade, con actividades e con saídas que poñerán en valor o local e o rural.
Establecéronse dous horarios diferentes, o ordinario será de 10 a 14 horas e un extraordinario, que será a partir das 8:30 horas para todas aquelas familias que precisen unha xornada máis ampla.
O prazo para anotarse remata o 16 de xuño e poderá formalizarse a inscrición de xeito telemático, a través da sede electrónica, ou presencial na casa do Concello. Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, ou en situación de especial vulnerabilidade.
O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 15 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por razóns sociais ou benéficas para familias con ingresos inferiores ao 50% do IPREM ou cando se careza de ingresos.
0 Comments
Leave A Comment