O Concello de Guitiriz acolle, o vindeiro 12 de setembro, o I Slalom no circuíto do Campo da Feira. A Escudería Scratch Fene é a encargada de organizar esta proba automobilística que será de carácter nacional e puntuable para o Campionato de Galicia de Slalom. Participarán pilotos da talla de Daniel Lamas e Manuel Trevín, ambos subcampións de 2019 e 2018 respectivamente.

Hoxe tivo lugar a presentación oficial desta proba, que estaba previsto se desputase o pasado 28 de marzo e quedou adiada por mor da incidencia da COVID-19. Ao acto acudiron a alcaldesa, Marisol Morandeira; a tenente de alcaldesa, Paula Campo e Édgar Vigo, do comité organizador.

Control de acceso vía app

De cara a lograr o maior control de tódalas persoas que se acheguen ata Guitiriz, a organización facilitará o uso dunha aplicación para dispositivos móbiles pola que tanto, pilotos, membros de asistencia, así coma público, terán que rexistrarse para poder acceder á zona da competición.

Deste xeito, poderase saber entre que horas estiveron as persoas presentes na proba, así coma facer un cribado coa información de saúde de cada persoa, có cal, permitirase un rastreo moito máis doado en caso de ser necesario.

Por outro lado, ubicaranse dispensadores de xel por parte do Concello de Guitiriz para que todos aqueles que se acheguen o circuíto poidan desinfectar as mans antes da entrada. O acceso a praza da feira estará permitido por una única rúa, así como a saída por outra para ter un correcto control de accesos.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo ‘agradecer a toda a organización a súa disposición tanto á hora de adiar a proba por motivos que todos coñecemos, como de volver organizala adaptándose ao contexto actual. Apelo tamén, á responsabilidade tanto dos asistentes como dos participantes. Temos que ser todos consecuentes coas normas vixentes, e desde o Concello contaremos con todas as medidas de seguridade e hixiene para o correcto desenvolvemento da proba.

Pola súa banda, Édgar Vigo, da escudería Scratch Fene e membro do comité organizativo da proba, quixo ‘facer un recoñecemento a Marisol Morandeira, como alcaldesa, e ao seu grupo de goberno, pola súa aposta polo deporte do motor. Faremos dúas mangas oficiais de carreira e o vencedor será aquel que consiga o mellor tempo nalgunha das dúas’, sinalou.