Tras ter que facer un pequeno parón nos primeiros meses do ano por mor da situación sanitaria, o Concello de Guitiriz retomará este domingo, 13 de febreiro, o programa ‘BTTeando por Guitiriz’ cunha saída á Cova da Serpe.
Tralo seu inicio no mes de novembro, continúa así a cuarta edición desta actividade, organizada polo Concello en colaboración co Club BTTeiros Cova de Serpe, e que consiste na realización dunha serie de rutas en bicicleta polos sitios máis característicos do municipio e incluso doutras vilas.
Neste caso o itinerario terá saída, programada para as 10 horas, e chegada no mesmo punto: a praza de Miraz (Concello de Friol). Como sempre, está aberta ao público en xeral pero os menores de 14 anos deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través do Club BTTeiros Cova da Serpe. É obrigatorio levar casco e aconsellan equiparse cunha peza de fruta e tamén auga.
Aínda quedan pendentes outras tres rutas na programación: a dos Muíños (13 de marzo), a do Camiño Real (10 de abril) e, por último, a de Penas de Rodas en Outeiro de Rei (29 de maio). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible. En todas as rutas seguirase o protocolo covid19 vixente.
0 Comments
Leave A Comment