Hoxe reuníronse no Salón de Plenos do Concello de Guitiriz os membros da Mesa de Calidade do SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino), co obxectivo de aprobar as avaliacións das distintas empresas participantes para obter o distintivo de calidade. Así, a Mesa aprobou por unanimidade a distinción de catro novos establecementos ou entidades, que se adheriron este ano a este programa: Bar A Capela, Taxi Ángel Neira, Protección Civil e Café Bar Recreo.

A mesa de calidade está composta por un representade de cada sector: bares, comercios, restaurante, policía local e a oficina de turismo; así como cargos políticos como a alcaldesa, Marisol Morandeira; a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez; a deputada provincial de Turismo, Pilar García Porto; e o xefe de área de Xestión de Calidade de Turgalicia, Enrique Pérez Etchevarría. Os membros da mesa aprobaron tamén por unanimidade o paso ao Ciclo 2, coa súa correspondente distinción, dos seguintes establecementos: Albergue Wittericus, Camping El Mesón, Parrillada El Merendero. Por outra banda, os establecementos que están en Ciclo de Seguimento e Renovación son: a Oficina de Turismo, a Policía Local, Panadería David, Panadería La Esquina, Fotografía Kantero, Restaurante La Casilla, Bar O Korreo, Bar Cit e Bar Xoldra.

Na reunión tamén se falou do auxe que está collendo o Camiño Norte ao seu paso por Guitiriz, así como das expectativas xeradas sobre o mesmo para contribuír o desenrolo turístico do municipio. Destacouse o perfil do peregrino que ven pola zona, home de mediana idade, onde destaca a procedencia, sendo a maior parte de Francia, Polonia e Bélxica e que utilizan como medio de transporte a bicicleta. Tratáronse tamén as melloras realizadas entre os establecementos participantes: reformas integrais ou considerables dos seu negocios coincidindo cun relevo xeracional ou de cambio de xerencia.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, aposta por “continuar traballando en prol da calidade de forma conxunta entre o sector privado e o público para conseguir diferenciarse de destinos similares grazas á ‘Calidade’ como elemento diferenciador, xa que somos o único Concello da provincia de Lugo que ten este distintivo”.