O Concello de Guitiriz, en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe, dará comezo este domingo, 14 de xaneiro, á sexta edición do programa ‘BTTeando por Guitiriz’ cunha saída á Ruta das Bidueiras, en San Breixo.
Esta actividade, que se está a asentar nos últimos anos con moito éxito entre a veciñanza, consiste na realización dunha serie de rutas en bicicleta polos sitios máis característicos do municipio e incluso doutras vilas.
Este domingo, 14 de xaneiro, o itinerario terá saída, programada para as 10 horas, e chegada no mesmo punto: San Alberte. Como sempre, está aberta ao público en xeral pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco e aconsellan equiparse cunha peza de froita e tamén auga.
Para participar hai que anotarse previamente, ata o xoves antes de cada ruta programada, no Concello ou a través do Club BTTeiros Cova da Serpe.
As seguintes rutas na programación serán: a das canteiras de Miraz en Friol (18 de febreiro), a do Balneario de Guitiriz (10 de marzo), a Ruta dos Muíños (14 de abril), a Ruta da Pedra Díaz Castro nos Vilares (26 de maio), a de Bascuas e Camiño Real por San Salvador (13 de outubro), a Ruta do Pantano de San Xoán (10 de novembro) e, por último, a Ruta de Fin de Ano (29 de decembro). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible.
0 Comments
Leave A Comment