- O desfile será o martes 1 de marzo e sairá ás 17 horas desde a Ponteveiga para chegar ao Campo da Feira.
- Haberá premios á mellor comparsa, as máis orixinais, a máscaras individuais e por parellas e tamén para os máis pequenos.
- O meco gañador será indultado e o resto serán retirados e queimados no desfile.
Tralo parón motivado pola pandemia o Antroido volve a Guitiriz o martes 1 de marzo da man da Asociación Xermolos, en colaboración co Concello, co tradicional desfile, unha festa no Campo da Feira e un novidoso reto para encher a vila de mecos.
O desfile comezará ás 17 horas, con saída desde a Ponteveiga e chegada ao Campo da Feira, onde haberá unha gran festa que, se fai mal tempo, trasladarase ao pavillón municipal.
Os premios serán os seguintes: 100 euros e unha cesta de produtos típicos para a mellor comparsa; 60 euros e cesta de produtos típicos para as comparsas con máis orixinalidade, traballo, humor e música; un primeiro premio de 30 euros e agasallo para a mellor máscara individual ou por parellas e un agasallo para a segunda mellor; e 5 premios sorpresa ás mellores máscaras e comparsas infantís.
Ademais, desde a organización propoñen un reto: encher o pobo de mecos. Para participar, hai que subir unha foto do meco ás redes sociais co #MECOXERMOLOS22. Non é necesario ser o creador, o anonimato estará garantido. O gañador, que o decidirá o xurado, non é unha persoa, é o meco, que será indultado e o resto serán retirados para queimalos no desfile do martes de Entroido.
0 Comments
Leave A Comment